CTNL

Actualmente non ten instalado ou necesita actualizar o plugin Flash Player necesario para visualizar correctamente esta web
pode descargalo na siguiente dirección.
Obtener Flash

A CTNL formámola... A CTNL formámola...
Recursos na rede Recursos na rede

Lingua


19243 votos
Votar | | | |


08-05-2015

Nace o proxecto Apego, para facilitar a socialización en galego desde a primeira infancia

Apego, pola vida e pola lingua
Apego é un proxecto de dinamización lingüística desde o nacemento desenvolvido cooperativamente por doce concellos, a través dos seus SNL, co obxectivo de implicar as familias na valoración positiva da lingua para, así, incrementar a porcentaxe de nenos/as que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual.


Apego é afección, inclinación ou amor por algo ou alguén. Apego é vínculo. Apego é sintonía, empatía. O apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional. E o apego é fundamental para a lingua.

E ante a preocupante situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás, doce concellos queren mellorar as cousas a través dun proxecto con ese nome, Apego, que é unha aventura conxunta de amor, arraigo, lingua, orgullo, identidade... Son A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

O pasado 23 de marzo asinaron en Compostela a colaboración para comezar a desenvolver o proxecto e, desde hoxe, varios deles xa presentan a súa posta en marcha, e o resto irano presentando nas vindeiras semanas.

Co proxecto Apego quérense implicar as familias na valoración positiva da lingua propia. Para isto as súas diferentes fases axudarán a tecer redes de apoio para a transmisión do galego como idioma de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces, co propio. Así, os obxectivos do programa Apego son, por unha banda, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e, por outra, promover que o usen de maneira habitual e que teñan espazos, situacións e recursos para facelo, polo que incluirá accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa colaboración de todos/as.

CAMPAÑA DE DIFUSIÓN, CAIXA DE BENVIDA, MATERIAIS DE APOIO, ESPAZO WEB E ACTIVIDADES

O desenvolvemento práctico do Apego en cada concello contempla diversas fases e accións, como unha campaña para difundir o proxecto e as súas mensaxes, unha caixa de benvida con materiais para a crianza en galego, música para os primeiros anos, un espazo web e actividades para a socialización na lingua propia.

Campaña para difundir o proxecto e as súas mensaxes
Para socializar o proxecto e as súas mensaxe difundirase a imaxe da campaña e distribuiranse folletos informativos e carteis coa imaxe do Apego principalmente en centros de saúde, servizos de pediatría, establecementos dedicados a produtos relacionados co embarazo e a crianza, asociacións de apoio á crianza ou adopción, centros maternais, etc.

Caixa de benvida con materiais para a crianza en galego
A acción de arranque do proxecto é a entrega dunha caixa de benvida ás familias que agardan un bebé con materiais para achegar argumentos e materiais de axuda para a transmisión do galego, apoio á crianza, etc. Esta caixa entregaráselles ás familias que van ter un neno ou nena (ben por embarazo, ben por adopción) e que estean empadroadas nalgún dos concellos participantes. Contén os seguintes materiais:
Un boneco-manta apego: é un boneco mantiña suave símbolo da campaña, que personifica o polbiño PO, imaxe e mascota do Apego, e que se converterá no vínculo permanente coa familia, e que acompañará o bebé nos seus primeiros meses ou anos. O polbiño PO pasou todos os controis de calidade e ten os certificados de uso axeitados.
Un libro: guía para pais e nais que inclúe razóns para a transmisión da lingua; propostas de nomes en galego e argumentos para elixilos; recomendacións para o inicio da crianza, lactancia, sono, descanso, alimentación, etc.; arrolos, recitados e xogos de dedos; palabras para medrar; etc.
Un álbum de recordos e primeiras experiencias: Para gardar as lembranzas máis importantes, divertidas e especiais do primeiro ano de vida do bebé: a primeira ecografía, a música soaba ou que había na tele e no cine o día que naceu o bebé, o primeiro riso, o prezo do pan, a primeira obra de arte, etc.
Un medidor: para ir seguindo o crecemento do bebé nos primeiros anos.
Un adhesivo para o coche: para que o resto de xente que anda pola estrada ou rúa teña sentidiño.

Música en galego para os primeiros anos
Unha vez que naza o bebe, ás familias que recolleron a caixa entregaráselles tamén un disco cunha compilación de dez cancións de música infantil en galego de grupos e estilos diversos: María Fumaça, Mamá Cabra, Uxía, Olga Brañas, As Maimiñas, Pablo Díaz, Os Tres TENedORES, Susa Herrera e Pirilampo. O CD está producido pola Editorial Galaxia.

Espazo web para o Apego
Disponse dun espazo para a información e intercambio de recursos de axuda, culturais, educativos e formativos, para crear rede coas familias para que vaian coñecendo as accións e actividades, para o apoio para a crianza, etc. O seu enderezo é www.apego.gal.

Actividades para o apoio á crianza e a socialización en galego
Ademais de todo iso, cada concello irá organizando tamén actividades e obradoiros para diferentes colectivos implicados no programa, coa finalidade de axudar á crianza en galego, de ir tecendo redes de apoio e de facilitar a socialización dos nenos e das nenas en lingua galega. Algunhas desas accións previstas son obradoiros de cantos de berce, obradoiros de xogos de dedos, contacontos e concertos para bebés, xornadas de achegamento de materiais en galego para escolas e ludotecas, etc.

UN PROXECTO COLABORATIVO E COOPERATIVO DESENVOLVIDO DESDE OS SERVIZOS DE NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA

O proxecto Apego naceu a proposta da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL), e foi ideado e deseñado por un equipo de técnicos/as de normalización lingüística. Foille proposto a todos os concellos que contan con servizo de normalización lingüística (SNL) e foron doce os que, para procurar mellorar a situación da lingua nas idades máis temperás, se comprometeron a executalo de maneira colaborativa, coordinada e cooperativa. Son A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

A partir de hoxe xa se comeza a presentar nalgúns concellos, e nas vindeiras semanas irase poñendo en marcha nos doce participantes.


Utiliza a nova

Enviar por Email  Enviar nova
Redes sociais  Chuza! Meneame del.icio.us digg Fresqui

Comentarios


Hemeroteca:  2007 2008 2009 2010 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023 2024

Avisos

    mes anterior
    Marzo de 2024
    mes seguinte
    Calendario da axenda de Artezanía de Galicia
    L M M X V S D
            1 2 3
    4 5 6 7 8 9 10
    11 12 13 14 15 16 17
    18 19 20 21 22 23 24
    25 26 27 28 29 30 31
    Próximos eventos

    • Asociate á CTNL
    • Agasallo. Propostas de regalos en galego
    • LGx15
    • Premios Mil Primaveras
    • Viveiro de propostas normalizadoras
    • En defensa do traballo xusto e ilusionante dos SNL
    • Envianos
    • Canles de novas da CTNL
    • Facebook da CTNL
    • Twitter da CTNL
    • Instagram da CTNL
    • Kit para a normalización en rede
    • Proxector
    • Queremos Galego
    • Eu.gal: Por un dominio galego